TABOADA C.F.

Novas

TÓDALAS CRONICAS E MOITAS MÁIS FOTOS,DESTA XORNADA E ANTERIORES... CONSULTA AS MÁIS ANTIGAS NO ARQUIVO DO BLOG(MARXE DEREITO).Esta tempada 15/16 tentaremos ir archivandoas neste apartado da web que titulamos NOVAS. Máis avisos a navegantes:no apartado audiovisual introduciremos algunha novidade ,pois esta tempada seguiremos facendo un seguimento puntual dos partidos ,(Tipo carrusel: minuto e resultado cos intres mais salientables dos encontros) na conta de Twitter @TaboadaCF ,especialmente nos de fora da casa,pensando naqueles afeizoados e siareiros que non podan desplazarse,e naqueles que estan lonxe da nosa terra e que nos siguen desde todolos recunchos do planeta. Asi que xa sabedes comezade xa a seguirnos tamén alí.E non deixedes de facelo tampouco na web,no blog e no pérfil de Facebook onde tentaremos seguir informándovos das actualizacións,das programacións do fin de semana,dos eventos e sorteos etc.Lembrámosvos tamén que desde cando queirades podedes facervos socios pois a vosa axuda inestimáble cada vez faise máis necesaria e imprescindible,o procedemento é o de sempre porse en contacto con directivos ou xogadores e darnos os vosos datos,para ingreso en conta (se pode ser) ou solicitalo para o pago en man.Os prezos os de sempre.Na páxina WEB,no apartado SOCIOS, despoñemos dun impreso para cumplimentar e facernolo chegar,se estades lonxe.A Todos Grazas. Informámovos tamén que no blog tedes a vosa disposición de todalas crónicas ,fotos e resultados desde o 2010.Na sua páxina principal destacamos a última entrada correspondente a xornada e o mes en curso.Dende outras páxinas do blog teredes acceso a entradas suliñables o longo deste últimos anos.Para consulta de outras entradas antigas recomendamos un visionado de escritorio de ordeador,pois dende a ocpción móvil non se accede,asi como o acceso a outras seccións como o tempo,resultados e clasificacións de Siguetuliga etc.
10/02/19
Roi el 10-02-2019, 19:44 (UTC)
 

O Taboada CF enlazou a segunda vitoria consecutiva, e rachou de paso coa xeira de empates xogando como locais, ao vencer a unha SD O Páramo que se adiantou no marcador e que foi mellor ca nós nos primeiros 45 minutos.


No 8' penalti de Roi sobre Coedo, que transformou Roberto forte e a media altura, á dereita de Roi. Este gol deixounos medios noqueados, e no 13' os visitantes puideron poñer terra de por medio pero o tiro de Rasilla foise lambendo o pau. No 19' outro disparo desde a frontal de Palle foise desviado. Tocamos a rebato e no 23' puidemos empatar por medio de Gabriel pero as súas dúas intentonas sacounas a zaga visitante en liña de gol. Nestes primeiros 45 minutos non atopamos en ningún momento a clarividencia e a claridade para crear ocasións perigosas. De tódolos xeitos, a medida que pasaba os minutos fomos indo a máis, dando a sensación de que ao Páramo se lle podía facer longo o partido.


Surtiu efecto a charla no descanso e entramos moi metidos na segunda parte, e xa no 46' Manu Vila puido empatar nun córner. Seguimos percutindo e no 52' Moski non chegou por nada a un pase filtrado de Guerreiro. Pouco despois, o disparo de Guerreiro non colleu porta cando Alex xa estaba batido. No 60' produciuse o primeiro achegamento do Páramo pero Rasilla equivocouse na definición.


Seguimos procurando o gol do empate, e protestamos unha xogada a balón parado por considerar que o remate de Gabri traspasara a liña. No 65' acadamos por fin o empate por mediación de Gabriel, que atinou a rematar de cabeza un balón peiteado por Manu Vila na área pequena, facendo inútil a estirada de Alex.


Este gol deunos alas e fomos a pola remontada con descaro. Puido completala David Potente no 72' pero o seu disparo tras gran xogada persoal foise desviado. Chegou o 2-1 no 75' tras unha gran galopada de Moski por banda dereita que serviu unha pelota perfecta para a chegada de David Montes, que empurrou a pracer.


De aquí en diante nós dedicámonos a deixar pasar o tempo e buscar unha contra que nos permitise matar o partido. Desta situación sacamos algunha ocasión perigosa que non demos materializado, mentres que por parte visitante só se pode destacar un disparo de Rasilla que Roi desviou a córner.
 

SD MONTERROSO 1-TABOADA CF 2
Roi el 03-02-2019, 20:14 (UTC)
 O Taboada sumou a segunda vitoria consecutiva a domicilio, nesta ocasión en Cerdeiriños ante unha SD Monterroso en postos perigosos que vendeu cara a súa pel. Encadeamos así a quinta xornada seguida puntuando, e achegámonos ao grupo de 6-7 equipos que seguen de lonxe a estela que marca o imparable Lemos.


O partido comezou cun Taboada dominante, que quería impoñer a súa proposta. Xa no 4' Noé avisou cun disparo cruzado que se foi por nada, e no 6' o disparo dende a frontal de Dieguiño foise fóra. A SD intentou arrepoñerse, consciente da súa delicada situación, e no 15' tivo a súa primeira ocasión, o disparo de preto de Óscar sacouno Roi abaixo gardando ben o seu pau. A partires de aquí xogouse un partido tosco, con continuas imprecisións e xogadas de choque e desputa. Protestamos ostensiblemente unha acción de David Quintá, que lle arreou un patadón a Seso, nós consideramos que era agresión pero o árbitro interpretou que era na desputa da pelota e só o amonestou con tarxeta amarela. Esto acendeu os ánimos, e non houbo moito máis que salientar de aquí ao final do primeiro tempo, máis alá dun partido competido a tope polos 22 contendentes sobre un céspede en malas condicións, que dificultaba o xogo.


Os segundos 45 minutos comezaron eléctricos, e nós adiantámonos xa na primeira que tivemos, no 47'. Balón templado de Dieguiño desde a esquina e remate espectacular de Gabriel, que entra na porta local despois de pegar no poste. Esto reafirmounos na nosa proposta e xogamos a partires de aquí os mellores minutos, nos que puidemos sen dúbida sentenciar o encontro. Primeiro, puido poñer Gabri o 0-2 xa no minuto seguinte pero non acertou a embocar; no 52' xogada de museo de Guerreiro que marcha de todo canto lle sae ao seu paso, en última instancia dispara desviado. Non aproveitamos esta serie de oportunidades e a SD Monterroso atopouse co gol do empate nunha xogada desgraciada defensivamente para nós, unha perda en banda dereita rematou cun centro que tras varios rexeites lle caeu a Iago, que puxo o 1-1 cun gran disparo que entrou pegado ó poste esquerdo de Roi.


Esto deulle unha nova dimensión ao partido, o Monterroso creu na remontada e nós estivemos uns minutos un tanto despistados, sen lograr conter as acometidas locais e sen ser capaces de enlazar posesións longas. Sen embargo, tampouco tiveron ocasións nítidas, salvo un tiro de Barrio que atrapou ben Roi. Sacamos o xenio e fómonos a polos tres puntos, a abofé que o logramos. No 70' xogada por banda esquerda de Gabriel e Montes que remata este con centro; a definición de Noé é, sinxelamente, fóra de serie, tras rematar de espuela por riba da posición de Rubén Rivas, o balón entrou mansamente nas mallas locais. GOLAZO con maiúsculas, só por ver ese gol mereceu a pena achegarse a Cerdeiriños. Este gol sacou do partido aos locais, que se quedaron con 10 no 77' por expulsión de Lorenzo. No 81' puidemos sentenciar pero o colexiado anulou un gol de Gabriel que parecía legal.


Nos últimos minutos a SD Monterroso apretou en busca do gol da igualada, e tivo dúas boas ocasións que non fructificaron. No 84' Crespo rematou fóra de tixeira tras boa acción por banda de Pardo, pero sen dúbida a máis clara foi de Óscar Méndez xa rebasado o minuto 90', cun testarazo que se foi fóra tras tocar o longueiro tras un saque de esquina. No alargue non sufrimos en demasía, e acabamos por colleitar tres puntos que nos saben a gloria e que nos permiten escalar un par de postos na táboa clasificatoria e achegarnos ao grupo de cabeza. Queda agora facer bos estes tres puntos volvendo á senda da vitoria como locais, teremos a oportunidade de facelo a semana que vén diante da SD O Páramo, en campo aínda por determinar.
 

TABOADA CF 1-SD CHANTADA 1
Roi el 27-01-2019, 19:53 (UTC)
  Quinto partido como locatarios no Castro Seoane de Antas de Ulla e quinto empate. Desta vez foi no derbi diante dos veciños da SD Chantada, nun vibrante encontro moi condicionado polas dimensións do terreo de xogo. Demostramos, unha vez máis, que competimos en todo momento e ante calquera rival, e que somos quen de sobrepoñernos a situacións adversas.


Comezou o partido igualado, cos dous equipos tanteándose e sen nada que resaltar nos primeiros minutos. Sen embargo, no 8' e nunha xogada sen perigo ningún produciuse unha falta de entendemento entre Roi e David Montes que rematou con gol en propia porta. Un auténtico mazazo para nós, que non estabamos a ser peores, e máis que nada pola forma tan absurda do gol, xa que non había ningún xogador vermello preto que puidese dificultar a acción. O gol fíxonos dano anímicamente e botamos uns minutos mercede da SD, que no 12' probou fortuna con Anxo nun tiro desde fóra de área fácil para Roi. A partir do 15' parece que nós quixemos repoñer e empezamos a chegar con bastante asiduidade á meta de Porto, no 20' Fabio estivo a piques de anotar un bo gol de vaselina pero foiselle por pouco, no 22' tiro desde a frontal de Ratón que se foi a pouco do pau esquerdo de Porto e no 24' non chegou a un remate de cabeza tras gran servizo de Seso.


Buscabamos nesta fase do partido o gol insistentemente, e no 38' gran acción de Noé por banda dereita que remata cun mal golpeo. Puido, sen embargo, a SD poñer terra de por medio no 43' cun disparo de Manu desde a frontal que se foi desviado por pouco. Chegamos así ao tempo de lecer, sen mais que reseñar agás a desafortunada acción que supuxo a lesión muscular de Migui, que tivo que ser substituído inmediatamente por Moski.


Os segundos 45 minutos comezaron cunha clara triple ocasión nosa, con balón ao longueiro incluído de Juan Potente que rematou en fóra de xogo. A pesares deste ímpetu inicial, parecía que nos costaba máis trenzar xogadas de perigo, tamén dificultados polos fortes refachos de aire que sopraban na nosa contra. No 56' ocasión clarísima de Foci, o seu tiro raso e cruzado foise lambendo o pau dereito da meta de Roi. Con media hora po diante, arrincamos máis, buscando o empate de maneira insistente aínda que quizais con máis corazón que cabeza. Onde máis perigo xeramos foi a balón parado, por exemplo no 66' unha falta desde a frontal botada por Dieguiño obrigou a traballar a Porto, que enviou a córner. Entrou o partido nun impás de moita desputa, xogo directo e de choque que non deixaba lugar a ocasións nin a nada reseñable. Precisamente foi así, nunha xogada embarullada e con varios rexeites, como chegou o gol de empate que facía xustiza ao visto sobre o terreo de xogo; balón parado que despexa en primeira instancia Porto, o rexeite cáelle a Ibán que estrela o balón no longueiro e o posterior rechace caeulle nos pés a Manu Vila, que non se andivo con contemplacións e fusilou a meta chantadina. Segundo gol da tempada para o noso central, que se está destacando como un bo argumento ofensivo a balón parado.


De aquí ao final quixemos acadar o gol que confirmase a remontada, pero o certo é que non contamos con ocasións claras de gol para acadar o segundo tanto. É máis, foi a SD cun durísimo disparo de Manu que se foi arriba por pouco a que máis preto estivo de levarse o gato á auga. Ao final, reparto de puntos, a SD continúa nos postos de privilexio e nós seguimos sumando e ampliando a racha de invictos como locais, se ben é certo que xa choveu desde a nosa última vitoria xogando na "casa".


Destacable, unha vez máis, o gran ambiente nas gradas nun derbi que se está consolidando como un dos grandes partidos da categoría. Cada un tirando polo seu e polos seus, pero cunha deportividade e emotividade fóra de toda dúbida. Así é, desde logo, como debe ser. Para a semana que vén continuamos con outro derbi, desta vez ante o Monterroso en Cerdeiriños, nun partido que pode marcar o futuro inmediato dos dous contendentes.
 

SCD RESIDENCIA 0-TABOADA CF 1
Roi el 20-01-2019, 19:38 (UTC)
 O Taboada puxo fin á súa mala xeira a domicilio ao grande, ao vencer na Cheda a un conxunto local inmerso na loita polos postos de privilexio. O triunfo, ademais de importantísimo, foi moi xusto tras un partido no que os nosos foron mellores e firmaron un partido moi serio e moi solidario.



Nos primeiros minutos a Residencia quixo impoñer o seu ritmo, pero a primeira ocasión foi nosa, no 4'Guerreiro disparou frouxo en posición franca. No 10' Dani Galán, vendo a posición adiantada de Roi quixoo sorprender, pero o balón foise fóra despois de golpear na cruceta.



A partir de aquí pódese dicir que foi un monólogo do Taboada ante un desbordado conxunto local. Coleccionamos ocasións como para irnos en clara ventaxa ao tempo de lecer, pero non atinamos co marco local. Dieguito, no 18' disparou raso e duro pero foise fóra; no 22' unha gran xogada colectiva rematou cunha gran maniobra de Ratón que disparou rente ó pau; no 24' un gran centro de Guerreiro estivo a punto de ser rematado por Gabri. Da Residencia non había noticias en ataque, xa que a nosa presión tras perda estaba a ser moi boa, e non permitiamos que os seus xogadores de arriba tivesen espazo para correr. Nós seguimos procurando a busca do gol que nos puxese por diante, e no 37' unha gran acción de Migui rematou cun tiro desviado por pouco; e no 40' un remate de cabeza de Seso estivo a punto de poñernos por diante. Foi, sen embargo, no 45' a máis clara, un gran pase longo de Seso deixou a Moski só diante de Diego Bravos, pero este gañoulle a partida no man a man. En resumo, primeiros 45 minutos nos que fomos grandes dominadores da contenda, pero sen o acerto necesario de cara a porta para plasmar ese dominio no marcador.



Os segundos 45' comezaron cunha Residencia máis intensa e máis metida no partido, e púxonos as cousas máis difíciles. Con Raposo e Galán ao mando das operacións, os locais tiñan máis presencia en ataque, pero nós, con traballo a raudais e con moita organización, fomos quen de conter os seus ataques. No 54' clara chegada local, que sacou Juan Potente nunha moi boa acción defensiva. No 62' chegada moi clara dos capitalinos, entre Roi e Manu Vila afastaron o perigo. Tocamos a rebato no 67', cun tiro que tras pegar nun defensa local se foi desviado por pouco, no saque dese córner gran remate de cabeza de Juan Potente que obrigou a traballar a Diego Bravos. O partido estaba a ser moi igualado, e neste tramo de partido a Residencia tivo 3 ou 4 corners consecutivos nos que nos xeraron perigo.

A xogada chave do partido chegou no 81', gran acción individual de Moski que remata cun penal claro a prol nosa que ademais supuxo a segunda amarela para o defensor local. Dieguiño asumiu a responsabilidade e transformou a pena máxima coma un veterano, cunha tranquilidade e confianza pasmosa. Co gol de ventaxa quizais demos un paso atrás para gardar o que tanto tempo nos levara conseguir, pero aínda así no 87' puidemos poñer a puntilla por medio de Noé, pero atopouse cun auténtico paradón do gardamallas local.



De aquí ao final, e a pesar do alargue excesivo de 7 minutos, non pasamos demasiados apuros e conseguimos 3 puntos que nos dan un empuxón enorme na táboa clasificatoria, e que supoñen reafirmamos na nosa proposta e no noso bon traballo semanal. Sumamos a domicilio, ademais, moito tempo despois, e esta victoria ten que ser un punto de inflexión para que cheguen os triunfos que nos permitan mirar de reollo cara arriba e distanciar a todos os que veñen por detrás.



Comezamos agora unha xeira de 4 derbis consecutivos, o primeiro deles ante a SD Chantada, en campo aínda por determinar, un equipo que está facendo as cousas moi ben , pero nós trataremos de manter a nosa racha de invictos actuando como locais.
 

TABOADA CF 1-CD SANTABALLÉS 1
Roi el 13-01-2019, 19:20 (UTC)
  Cuarto partido como local no Castro Seoane de Antas de Ulla e cuarta igualada. Seguimos sen perder cando xogamos como locais pero últimamente estásenos a resistir a vitoria, aínda que hoxe diante dun dos equipos punteiros da liga fixemos un bo encontro e merecemos bastante máis que o punto que finalmente colleitamos.


Quixemos dominar desde o minuto 1 e conseguímolo, encerrando na súa área a un sorprendido equipo chairego. Puidémonos adiantar cun tiro ao pau de Seso e tamén con dúas accións a balón parado que non fomos quenes de embocar. Na primeira deles, no 11', levamos nos dentes. Un saque de banda longo e tras varios rexeites Palomo remata en semifallo para acadar un 0-1 que a todas luces era inxusto. Non nos viñemos abaixo e seguimos percutindo, aínda que o Santaballés se defendía ben. No 27' atopamos premio a tanta insistencia, gran córner servido por Dieguito e Manu Vila, entrando con todo, conseguiu o empate, poñendo algo de xustiza. De aquí ao descanso, o Taboada continuou atacando e tivo ocasións claras nos pés de Guerreiro, Gabri e Moski pero unhas veces o pouco acerto e outras boas accións defensivas do Santaballés impediron que se consumase a remontada. Especialmente clara foi no 35', unha xogada que merece ser narrada: Guerreiro foise con gran habilidade de todo canto rival lle saiu ao paso, o seu disparo atopouse cunha gran parada de Ivo, o posterior rexeite caeulle a Gabriel que chutou pero un defensa salvou o gol baixo paus. Así se chegou ao tempo de lecer.


Nos segundos 45 minutos a tónica foi a mesma, cun Taboada que quería ganar e un Santaballés ao que parecía que lle valía o empate. O primeiro aviso foi noso, cun gran centro de Dieguito que de novo volveu rematar Manu Vila pero sen a efectividade da primeira parte xa que se lle foi arriba. De novo no 54' boa xogada de Seso por banda, o seu centro é rematado por Guerreiro pero sen atrancos para Ivo.


En ataque o Santaballés ofreceu pouco, só no 57' unha volea de Novás obrigou a intervir a Roi. Foi un espellismo porque o único que trataba de chegar a área rival era o Taboada, e no 59' unha falta perigosisima na frontal da área foi executada por Guerreiro pero fóiselle arriba. Houbo unha pequena tregua no encontro, como se ambos equipos nos quixésemos gardar para os últimos minutos. Quen o seguiu intentando foi o Taboada, pero quizais xa sen a precisión e a velocidade da primeira parte e do comezo da segunda. Aínda así empuxamos e por momentos metemos ao Santaballés na súa área, pero sen chegar a xerar ocasións moi claras, únicamente outro remate tras xogada a balón parado de Manu Vila, que a piques estivo de conseguir un doblete, pero foiselle de novo por riba do longueiro.


En resumo, o partido rematou con empate, o que nos permite alargar a xeira de invictos na casa, aínda que tamén é verdade que xa hai que retroceder bastante no tempo para recordar o último triunfo. Convén salientar o bo traballo do equipo nunha tempada complicada, seguimos sumando, agardemos que pronto poidamos facelo de tres.


Para a semana saída dificilisima á Cheda, para medirnos ante a SCD Residencia na procura de romper a nosa mala racha a domicilio.
 

TABOADA CF 2-SD BURELA 2
Roi el 23-12-2018, 18:10 (UTC)
  Reparto de puntos entre branquiazuis e verdes tras 90 trepidantes minutos de continuas alternativas. Este resultado permítenos chegar ao ecuador da competición con 23 puntos, unha media que nos daría a salvación. Seguimos, ademais, sen coñecer a derrota como locais aínda que ben é certo que dos últimos 5 encontros xogando na casa só logramos gañar 1.


Moi cedo, xa no minuto 4, adiantouse o Burela no marcador, cun gran remate de cabeza de Javier á saída dun córner. O Taboada non se amilanou e cargou o xogo pola banda dereita, con Seso e Moski aos mandos. Xa no 6' gran ocasión de Seso, que diante do porteiro remata moi frouxo. Seguimos insistindo na procura do empate, e chegou no 22'; boa xogada por banda que remata con tiro de Noé, o rexeite do gardamallas burelao empuxao ao fondo das mallas Gabriel. No toma e daca constante propiciado polas dimensións do Castro Seoane o Burela sacou tamén algunha oportunidade, pero sen acerto. No 36' culminamos a remontada, de novo por medio de Gabriel, que desde fóra da área empalou un gran disparo que entrou rente o pau.


Foron quizais os nosos mellores minutos no partido, desde o 2-1 ata o descanso, e tivemos ata 3 ocasións claras para poñer terra de por medio pero unhas veces o pouco acerto e outras a eficacia defensiva burelá impedírono. O paso polos vestiarios non nos sentou ben, porque no 49' os verdes empataron por medio de Javier tras un desaxuste defensivo. E tivérona para poñerse por diante no 56' pero Roi gañoulle a partida ao dianteiro visitante no mau a mau.


Foi unha segunda parte moi disputada, con moito balón longo e segundas xogadas, da que ningún dos equipos sacaba ocasións reseñables. No 74' o partido complicousenos coa expulsión por vermella directa de Migui, pero o equipo puxo o mono de traballo para salvar polo menos o punto. E a piques estivemos de gañar os tres no 82' nun roubo de David Potente que asistiu á carreira de Moski, que se foi do seu par pero o seu disparo estrelouse con violencia contra a trabe da portería burelá. De aquí en diante insistimos con balóns longos pero sen crear ocasións claras, asique hai que dar o punto por bon.


Poñemos fin así ao 2018 futbolístico, nunha posición relativamente cómoda na táboa, nunha das ligas máis competidas que se recordan. Esta media de puntos daranos a permanencia, pero convén non despistarse. Non xogaremos agora ata o fin de semana do 12-13 de xaneiro, cando recibiremos ao Santaballés no que será o comezo da segunda volta.


Aproveitamos esta canle tamén para desexarvos unhas moi felices festas e un próspero aninovo no nome do Taboada CF, nós aquí seguiremos procurando dar alegrías aos nosos siareiros e paseando con orgullo o nome do noso concello por toda a provincia.
 

<-Volver

 1  2  3  4  5  6  7  8 ... 27Siguiente -> 
contador de visitas para blogger
Este sitio web fue creado de forma gratuita con PaginaWebGratis.es. ¿Quieres también tu sitio web propio?
Registrarse gratis