TABOADA C.F.

Historia

     Achegarse á práctica do fútbol en Taboada é aproximarse a un anaco da historia da localidade no século XX. Desde os inicios, con equipos en parroquias como Castelo ou Vilela, e do Relámpago ao propio Taboada C.F. desde 1973. En competición oficial acadou no século XX dúas ligas e tres copas, ademais de outros torneos amistosos, froito máis que de individuos brilantes e destacados −que tamén houbo, e aquí recollemos algúns nomes− de unha colectividade que supera o centenar de xogadores e varios centos de socios.

      1. As orixes
     A vitalidade da vila de Taboada nos anos setenta ten o seu reflexo na formación dun equipo de fútbol federado en 1973, enfrontándose a vilas moito máis desenvolvidas como Sarria, Vilalba, Viveiro, Chantada ou Ribadeo. Outras poboacións do contorno de similar entidade foron máis serodias á hora de crear agrupacións deportivas.

      Desde 1949 temos documentados encontros do Relámpago nas festas do verán, tempo que favorecía a práctica dos deportes ao aire libre, xogando co Melide e o Monterroso, ou no 1958 con Antas de Ulla no campo do San Roque. Son sembrados nos anos trinta do século XX nomes de xogadores como Daniel Vázquez, Mario e Alfonso Santiso, Suso da Balbina, Jesús Viana, Casimiro do Ferraias e os irmáns da Broca. Unha aliñación dos anos cincuenta do Relámpago podía estar composta por Dimas, Pablo do Naviñeiro, Rivas, Antonio do Herdeiro de Relás, Severino Costela, Neno e Manolo do Vidal, Reguelo e outros xogadores procedentes de Castelo e Vilela. Na parroquia de Vilela, que xogaban no prado do Romualdo ou no campo da festa, baixo as cores brancas e vermellas aliñaban nos anos cincuenta Manolo Lage Abella, o Niño Jesús como porteiro, e Mario Lage (moi destacado para a súa época), Anselmo García, David García, Oscar e Servando Meilán, Plácido Díaz, Nilo Almuiña, Severo e Iván Lage, Manolo do Arxiz...

      A parroquia de Castelo, coas camisetas amarelas, tiña no monte da Fervenza o seu campo, un terreo comunal fronte a Cobas. Nos anos cincuenta a aliñación podía comezar con Luis Delgado na portería, e seguir con Severino Delgado, Manolo Sánchez, os irmáns Sánchez García (Plácido, Víctor e Agapito), Julio Ulloa, Jaime e Luciano Cadahía, Pepe do Meleiro, Nicanor e Salvador do Toxeiro, e Ramón Carballo.

      Outras formacións parroquiais foron as de San Pedro de Bembibre, Ansar e Esperante. Tamén noutras, como Moreda e Taboada dos Freires, trataron de organizar equipos de fútbol. Unha aliñación de Bembibre a mediados dos anos cincuenta do século XX estaba formada polos irmáns Nóvoa (Eduardo, Antonio, Luis, Carlos e Suso), os irmáns Fente, os Zapateiro (Luis, Ramón e Severino), Germán Fernández, Manuel Fernández, López Rey e Regueliño. En Esperante xogaron Manolo Ledo, David e Hilario do Campo, Roberto de Espailde, Arturo de Outeiro, Luis do Guerra e Segundo da Casa Grande de Buín. De San Estevo de Ansar son lembrados os Oureás, irmáns con grande habilidade para o xogo.

       2. A federación
      En asamblea xeral de socios celebrada o primeiro día de xaneiro de 1973 fúndase o Taboada C.F. Houbo daquela, e aínda en anos posteriores, partidarios de manter o nome do Relámpago para o clube. Unha aliñación temperá do Taboada foi a de Casilmoure, Lavanco, Naviñeiro, Díaz, José Antonio, Isaac, Gema, Pablo, Pepito, Vales, Roberto, Tomás, Moncho e Chicho. As cores do equipo son a camisola branquiazul e o pantalón azul.

      En 1971 o campo de fútbol da Medela era un proxecto do alcalde Jesús González Rodríguez, dous anos despois non estaba máis que comezado. A verdadeira remodelación, con drenaxe, da Medela ten lugar na temporada 1986-87, e a mediados dos noventa a iluminación.

      No século XX, en pouco máis de vintecinco anos do Taboada C.F., houbo seis presidentes da sociedade. O primeiro foi José Rivas Rodríguez, a quen lle segue Antonio García Fontao desde 1974, que permaneceu o período máis longo ao fronte do clube, oito anos. De 1982 a 1986 o presidente foi José Vázquez Saá, logo José Ramos Ledo até 1988, e José Francisco Ledo González nun longo mandato chegou ao 1994. Por último Remigio Pérez Lage encabezou a directiva até 1998, deixando paso a Marcos Vázquez Gavieiro.

      Nomes a destacar igualmente son o de José Rodríguez Viana, secretario con case vinte anos arredor do clube. O do correspondente de prensa e radio Manuel Fernández Otero, o verdadeiro comentarista e sempre detrás da directiva, especialmente como tesoureiro, posto que tamén exerceu Manuel Sánchez Neira con boas lembranzas. Tamén louvable é o traballo que, sen compensación material, desempeñou Alfredo Rey Alvelo, dedicado tanto ao equipo como ao terreo de xogo, nomeado primeiro socio de honra en 1988.

      Foron máis de unha ducia os adestradores do Taboada C.F. Destacaron Quique, que deixou pegadas nas primeiras aliñacións; na tempada 1979-80 e de novo na 1982-83 foi o lucense Alvarez Renda o técnico do equipo. Na liga 1980-81 nótase a presenza de Manolo Martínez. O preparador do Taboada por excelencia, en canto á dedicación e duración no cargo, foi Jesús Mario Vázquez Santiso, Gema, quen xa en 1975 se encargaba do equipo xuvenil, e na tempada 1984-85 do equipo dos maiores até o seu cese en 1994. José Antonio Penín foi adestrador na liga 1994-95, e na seguinte temporada o chantadino Javier Pateiro. Desde 1996 a 1998 ocupa a praza Narón, a quen segue Isaac como técnico.

       Nun cuarto de século pasaron polo Taboada C.F. máis de cen xogadores. Para os anos setenta destacan os nomes de Jema, Mejuto, Brea e Castelo que se achegan ás dez tempadas en activo, até mediados dos oitenta. En adiante sobresaen os nomes de José Ramón na portería, os irmáns Pardo, e sobre todo Seso, de quen temos noticia na liga 1982-83 e que chegou en activo até finais de século. Nos oitenta apareceron os irmáns Narón, Domingo, Castro e Gamallo. Tamén os Feás e Cantina teñen o seu debut nos anos noventa, incorporándose a mediados da década Ulloa e os irmáns Portela.

       Os goleadores das primeiras tempadas foron Brea e Castelo, aos que hai que engadir a finais dos anos setenta a Sepi, Gema, Héctor, Marcos e Lima. Nos comezos dos oitenta chegaban con facilidade á porta contraria Héctor, Manolito e Fernando Batallón. Da segunda metade dos oitenta foron Narón e Javier os destacados, e Guerreiro a comezos dos noventa, anos nos que tamén Narón, Nelly e Castro tiveron a fortuna de anotar un maior número de goles para o equipo de Taboada. Fronte á individualidade debemos valorar o conxunto, o equipo, especialmente en categorías de afeccionados, onde destaca o voluntarismo e son veciños os xogadores, e se aparecen figuras destacadas pasan a clubes de maior poder económico.
 
       Finalmente debemos lembrar á afección, sendo os socios un dos piares nos que se fundamenta un clube. O Taboada C.F. arranca en 1973 con cento vinte asociados, pasando a douscentos no ano seguinte, número que se mantén nos anos que seguen do século XX.

        3. Vintecinco anos en competición
        O Taboada C.F. comezou xogando na tempada 1973-74 na Liga Provincial, disputando o primeiro partido o domingo 23 de decembro de 1973 na casa contra o Mindoniense. Do Campeonato Provincial pasou á Liga de Montaña na tempada 1977-78, cunha reestruturación da Segunda Rexional. Ascende a Primeira Rexional na tempada 1982-83, para voltar dous anos despois á Segunda. Alí permaneceu dez tempadas, en 1994-95 sobe outra vez a Primeira Rexional.

        En conxunto, para o século XX, foron quince tempadas en Segunda Rexional (da Montaña denominouse algúns anos), seis en Primeira Rexional, ademais dos inicios na Liga Provincial con catro tempadas. Proclamouse campeón da Segunda Rexional nas ligas 1988-89 (na que non ascendeu, deixando o seu lugar ao Roupar) e en 1993-94. Acadou así mesmo tres copas, a primeira en 1980 (Copa da Montaña), e as outras dúas Copas Deputación en 1989 e 1993, chegando ao final da mesma en 1987.

        Merecen ser destacados igualmente o equipo dos veteranos creado en 1995 por antigos xogadores do Taboada C.F., e o equipo dos xuvenís que acadou o mayor fito do fútbol taboadés, o campeonato na liga 1983-84 e o ascenso á Liga Galega (equiparable á Preferente nos maiores). Beladona e Dogers Taboada foron os nomes escollidos para os equipos femininos de fútbol da localidade.

         En canto ás goleadas destacamos en Segunda Rexional, na liga 1984-85, a vitoria fronte ao Nadela polo abultado tanteo de 0-10, a maior goleada que coñecemos na historia federada do clube, pois nunca cheguo á ducia nin a favor nin en contra. A tempada máis regular foi a de 1993-94, en Segunda Rexional. O Taboada foi o primeiro clasificado desde os comezos da liga até o remate. Perdeu un único partido, co Becerreá, segundo clasificado, por 1-0 na penúltima xornada, e só empatou en dúas ocasións, polo que o balance final non podía ser máis favorable, ascendendo á categoría superior.

 





 
© Xosé Manuel Vázquez e Xosé Carlos García, Do Relámpago ao Taboada C.F., Concello de Taboada, 1999
contador de visitas para blogger
Este sitio web fue creado de forma gratuita con PaginaWebGratis.es. ¿Quieres también tu sitio web propio?
Registrarse gratis