TABOADA C.F.

Novas

TÓDALAS CRONICAS E MOITAS MÁIS FOTOS,DESTA XORNADA E ANTERIORES... CONSULTA AS MÁIS ANTIGAS NO ARQUIVO DO BLOG(MARXE DEREITO).Esta tempada 15/16 tentaremos ir archivandoas neste apartado da web que titulamos NOVAS. Máis avisos a navegantes:no apartado audiovisual introduciremos algunha novidade ,pois esta tempada seguiremos facendo un seguimento puntual dos partidos ,(Tipo carrusel: minuto e resultado cos intres mais salientables dos encontros) na conta de Twitter @TaboadaCF ,especialmente nos de fora da casa,pensando naqueles afeizoados e siareiros que non podan desplazarse,e naqueles que estan lonxe da nosa terra e que nos siguen desde todolos recunchos do planeta. Asi que xa sabedes comezade xa a seguirnos tamén alí.E non deixedes de facelo tampouco na web,no blog e no pérfil de Facebook onde tentaremos seguir informándovos das actualizacións,das programacións do fin de semana,dos eventos e sorteos etc.Lembrámosvos tamén que desde cando queirades podedes facervos socios pois a vosa axuda inestimáble cada vez faise máis necesaria e imprescindible,o procedemento é o de sempre porse en contacto con directivos ou xogadores e darnos os vosos datos,para ingreso en conta (se pode ser) ou solicitalo para o pago en man.Os prezos os de sempre.Na páxina WEB,no apartado SOCIOS, despoñemos dun impreso para cumplimentar e facernolo chegar,se estades lonxe.A Todos Grazas. Informámovos tamén que no blog tedes a vosa disposición de todalas crónicas ,fotos e resultados desde o 2010.Na sua páxina principal destacamos a última entrada correspondente a xornada e o mes en curso.Dende outras páxinas do blog teredes acceso a entradas suliñables o longo deste últimos anos.Para consulta de outras entradas antigas recomendamos un visionado de escritorio de ordeador,pois dende a ocpción móvil non se accede,asi como o acceso a outras seccións como o tempo,resultados e clasificacións de Siguetuliga etc.
UD XOVELAGO 1 - TABOADA CF 0
Roi el 16-12-2018, 18:53 (UTC)
  O Taboada CF volveu de baleiro da súa visita a Xove, e seguimos inmersos nunha mala xeira, sobre todo a domicilio, onde non sumamos desde a saída a Pol, hai xa dous meses.


E eso que o partido comezou prometedor para os nosos intereses, un dominio territorial e da posesión sobre o impecable céspede do municipal xovense. O noso mediocampo empuxaba e roubaba moi arriba, lanzando a Gabri e Noé. Froito deste dominio chegaron oportunidades claras, como unha de Noé que a piques estivo de aproveitar un erro do porteiro local, sobre todo unha de Ratón tras unha gran xogada por banda, o seu disparo en posición franca foi arriba.


A partir do 15' as forzas igualáronse e o Xove comezou a pisar a nosa área. A primeira ocasión local foi un testarazo de Coello que despexou ben Roi, e no 17' unha contra levada por Chile finalizouna el mesmo cun disparo cruzado que se foi lambendo a cepa do noso poste esquerdo. Non estabamos a controlar ben a Juanjo Coello, e o gran ariete local estaba a causarnos problemas aguantando a pelota de espaldas e lanzando a Chao e a Chile. No 25' Roi toca o balón coa man fóra da área, xusto na frontal, coa conseguinte amarela e falta perigosisima. O disparo potente de Maikel buscando o pau de Roi non sorprendeu a este, que despexou a córner.


A partir de aquí houbo unha pequena tregua no tocante a ocasións claras de gol, pero pelexouse cada balón como se fose o último, nun gran esforzo colectivo. No 40' tiña que ser substituído Juanjo Potente, con problemas estomacais. Non sería o último percance para nós, desafortunadamente. Saíu no seu lugar Manu Vila, seguindo coa defensa de 3 e dous carrileiros. No descanso Ibán tampouco puido seguir, polo mesmo problema que Juan. Recompuxemos a zaga con Dieguiño e Marcos ingresou no verde situándose como mediocentro con Ratón.


Os segundos 45 minutos foron quizais máis aburridos para o espectador, sen tantas ocasións, pero con traballo a esgalla por parte dos 22 protagonistas. Ata o 55' ambos conxuntos estiveron tanteándose e non houbo xogadas reseñables, pero neste minuto unha gran xogada de Chao por banda esquerda rematou cun pase atrás, apareceu Ratón nunha gran acción defensiva para enviar a córner. Pouco despois nova lesión, esta vez de Noé, que se tivo que retirar do campo cos xemelgos moi cargados. Entraba Guerreiro no seu lugar.


O partido estaba a discorrer cunha gran loita no medio do campo da que non surxían ocasións claras, ata que no minuto 80' unha contra levada por Chile rematou nun penalti en contra que protestamos moitísimo, xa que Manu Vila en ningún momento toca ao atacante local, que se deixa caer cando ve que a xogada, xa en liña de fondo, non ten máis recorrido. O árbitro, a instancias do linier, decretou a pena máxima, que foi transformada por Maikel cun disparo seco e forte que batiu a Roi, que se vencera á súa esquerda.


Este gol fíxonos dano anímicamente, pero sacamos a raza e o orgullo, e de aquí en diante buscamos o gol da igualada con máis corazón que cabeza, buscando con balóns longos a Guerreiro e Moski, pero sen fortuna. Do 85' en diante asumimos moitos riscos e desta situación o Xove sacou boas contras, das que non puido aproveitar ningunha. No 92' dobre boa intervención de Roi a cabezazos de Maikel e Coello á saída de dous corners consecutivos; e no 93' protestamos un posible penalti sobre Guerreiro, que o árbitro non concedeu. Non sabemos como de claro era, pero sen dúbida máis que o que lle pitaran escasos minutos antes a favor ao Xove. Eso segurísimo. Desta vez preferiron lavarse as maus.


O partido rematou cunha pequena tángana causada por algún membro do banquiño local, que confundiu a alegría polo triunfo coa provocación a un rival doído pola derrota e sobre todo polas circunstancias nas que esta se produciu.


Para a semana que vén toca despedir o ano futbolístico, na que será a última xornada da primeira volta, ante a SD Burela, presumiblemente o sábado 22 de decembro no Castro Seoane de Antas de Ulla.





 

TABOADA CF 0-CLUB LEMOS 0
Roi el 09-12-2018, 19:06 (UTC)
  O Taboada sumou outro punto ante o líder Lemos, o mellor equipo da competición. O resultado permítenos seguir como invictos xogando de locais.


O partido comezou igualado, cun Lemos que quería impoñer a súa proposta de toque, pero atopáronse sempre cun Taboada moi duro e moi correoso nas marcas e nas desputas. A primeira ocasión reseñable foi visitante, no minuto 12, cun disparo de Castañer desde a frontal que Roi despexou sobre o seu costado esquerdo. Nestes primeiros compases os visitantes foron mellores, pero nós estivemos moi serios en defensa. O primeiro achegamento noso foi nunha falta lateral na que Gabri a punto estivo de embocar a gol, pero Castro andivo moi rápido para arrebatarlle a ocasión. Precisamente nesta xogada protestamos un posible penalti sobre Moski, pero o colexiado a instancias do seu linier sacouna fóra da área. De aquí ao tempo de lecer, moita desputa e segundas xogadas pero sen ocasións reseñables.


Nos segundos 45' saímos con máis intención de atacar e xa no 47' unha boa volea de Gabri obrigou a traballar a Arturo. O partido púidose romper no 54', cunha gran transición ofensiva do Lemos que deixóu a Arias diante de Roi, pero este ganoulle a partida no mau a mau e no posterior rexeite entre Ibán e Migui afastaron o perigo.


Esta ocasión espoleou ao Lemos, que no 59' disparou ao pau por medio de Castañer. Fomos capeando o temporal como puidemos e a partir do 75' tocamos a rebato vendo cerca a posibilidade de gañar o partido, e máis trala expulsión de Adrián. No 82' un gran disparo á reviravolta de Moski saíulle centrado e fácil para Arturo, pero sen dúbida a ocasión máis clara foi de novo de Moski, pero atopouse cunha intervención de moito nivel do gardamallas visitante xa no 91'. Aí morreron as nosas posibilidades de vencer o encontro.


De tódolos xeitos, hai que destacar o bon partido en xeral do equipo, que soubo competir contra un conxunto confeccionado para ascender e que de feito vai coma un tiro.


Para a semana trataremos de facer bon este puntiño nun desprazamento moi complicado a Xove, ante un equipo local que non comezou ben pero que ten mellor equipo que o que di a táboa clasificatoria.

 

CF FRIOL 2-TABOADA CF 1
Roi el 02-12-2018, 18:57 (UTC)
 Comezou o partido igualado, con dous equipos tanteándose. O primeiro en probar sorte foi Guerreiro no 5', respostou Santi no 6', dous tiros que atallaron fácil os porteiros. No 12' reviravolta de Guerreiro que proba tiro, sáelle desviado. No 14' respostou o Friol cun tiro de Rafa Casanova que despexou Isma a córner.


Houbo despois un período de relativa calma, ata que no 24' un gran disparo de Covas foi repelido polo longueiro. Eran minutos de certo asedio local, e no 25' outra boa ocasión para Casanova que non foi quen de armar o tiro en posición franca. No 31' Dani Roca probou de novo sorte desde fóra de área, o seu tiro foise lambendo o poste. Vivíronse despois minutos de moito mediocampismo, ata que no 45' nos puidemos poñer en vantaxe, cunha indecisión da zaga local que Guerreiro a porta vacía cabeceou fóra.


Os segundos 45' empezaron parecidos, quizais con nós parece que máis incisivos en ataque, xa no 47' tiro lexano de Juan Potente que atallou ben Alberto. No 49' puxémonos por diante nun mau a mau de Gabri que definiu moi ben tras pase de Guerreiro. No 52' o disparo de falta de Rafa Casanova sacouno Gabri de debaixo dos paus. No 55' boa nova ocasión do Friol, o tiro final de Buján foise desviado. No 59' a insistencia do Friol tivo premio, un balón frontal mal defendido caeulle a Marcos Arias, que definiu forte e ao medio,1-1 con media hora de fútbol por diante e un novo escenario nunha segunda parte que estaba a ser máis entretida para o espectador. No 64' o Friol consumou a remontada cun disparo de Santi que entrou a pesar de que Isma tocou o balón. Este gol fíxonos dano e botamos uns minutos a mercede do Friol, que a pesar de ter achegamentos e continua presencia no noso campo non dispuxo de ocasións claras de gol.


Intentamos repoñernos e dar un paso adiante, pero non fomos quen de crear ocasións. O Friol defendeuse con orde e saía á contra coa velocidade dos seus homes de ataque. Sacaron algunha situación de perigo que non foron capaces de concretar. Nos 10' últimos intentamos apretar coas entradas de Montes, David Potente e Guerrilla.


Buscamos balóns longos a Guerreiro e Joni pero sen conseguir xerar perigo, sen embargo nas contras o Friol atopou dúas ou tres ocasións clarísimas nas que só o pouco acerto dos seus atacantes impediu a sentencia. Puidemos empatar no 93' nunha gran xogada individual de Joni Guerri tras gran pase de David Potente que detivo ben Alberto, foi a nosa última bala. De aquí ao final non tivemos máis ocasións e o Friol evouse os tres puntos.


Para a semana que vén recibimos ao Lemos, actuando como locais no Castro Seoane de Antas de Ulla as 16:00
 

TABOADA CF 1-CF RIOTORTO 1
Roi el 25-11-2018, 19:28 (UTC)
  Partido igualadisimo no Castro Seoane de Antas de Ulla, que nos permite continuar como invictos cando actuamos de locais, e que fai que sigamos enganchados no vagón de cabeza da táboa clasificatoria.


O partido transcurriu según o previsto, nun campo pequeno e que condiciona moito o xogo, sendo moita a desputa e o balón dividido. Bregáronse os 22 protagonistas con deportividade e emotividade, aínda que o encontro non resultou moi vistoso.


Os primeiros achegamentos foron nosos, pero tímidos, cunha media chilena de Seso que atallou fácil Parapar e cun tiro desde o vértice da área de Guerreiro que se foi moi desviado. A partir do 15 o Riotorto comezou a impoñer mellor a súa proposta, e no 19' Kevin disparou alto tras unha gran xogada persoal, e no 22' unha falta directa desde o medio campo lanzada por Isaac estrelouse no pau. Fomos quen de capear o temporal e a partir da media hora fomos estirándonos, no 30' unha boa acción por banda de Fabio rematou cun centro que despexou Parapar, o posterior rexeite caeulle a contrapé a Guerreiro, que non deu enganchado. E, cousas do fútbol, o Riotorto adiantouse no 35' tras un erro defensivo que rematou dun disparo do recén ingresado Lucas Costa que, tras pegar en Juan Potente se colou sen remisión na nosa meta. 0-1 e nada que reseñar de aquí ao final da primeira parte.


Nos segundos 45 minutos saímos coa firme idea de conquerir pronto o empate, probamos sorte dun tiro lexano de Fabio que se foi fóra e cunha volea de Gabri que non colleu porta. Do Riotorto sen noticias en ataque. No 70' introducimos un doble cambio, ingresando Montes e Marcos en substitución de Ibán e Gabri. Con estes cambios buscamos meter ao riotorto no seu campo, e comezamos a xerar perigo. No 78' saque de banda rápido de Seso que deixa só a Guerreiro no man a man con Parapar, do que sae ganador o gardamallas visitante. O partido xa era un acoso e derrubo, e no 82' Fabio estrelou o balón no pau.


Tanta insistencia atoparía premio no 85', nun penal clarísimo de Parapar a Moski, que transformou perfectamente Fabio. De aquí ao final cremos e quixemos a victoria, e tivémola nun disparo de Marcos desde medio campo vendo a posición adiantada de Parapar, pero este puido reaccionar e sacou unha gran man. En definitiva, un punto máis ante un rival que seguro vai estar arriba ao final da competición.


A semana vindeira, desprazarémonos a Friol para medirnos ao conxunto local, na procura de romper a nosa mala racha a domicilio.
 

TABOADA CF 2-SPORTING PONTENOVA 1
Roi el 18-11-2018, 20:01 (UTC)
  O partido comezou aparentemente sen moito ritmo pero sen embargo o primeiro cuarto de hora foi de tolos. Xa no 4' David Potente probou a Carlos desde fóra de área, atallou este sen atrancos. No 6' adiantámonos tras un gran pase en profundidade de Jaco á carreira de Moski, que centra atrás para que Guerra empurre ao fondo das mallas. No 11' puxemos terra de por medio nunha acción moi parecida á do 1-0, neste caso foi Seso o que centrou, e Guerra de novo en boca de gol non perdoou. 7 goles leva xa no que vai de campionato.


A Pontenova parecía noqueada, pero no 12' puxo Matelo o 2-1 tras un malentendido defensivo. No 13' puidemos coller de novo a ventaxa de 2 goles, pero entre Carlos e o longueiro desbarataron o que tería sido o hattrick de Guerreiro.


A partir de aquí o partido transcorreu máis calmo, con nós intentando ter posesións máis longas e a Pontenova agardando a súa opción nunha contra. Pouco que reseñar no tocante a ocasións, só unha contra levada por Mos na que reclamamos penal sobre Guerra que o colexiado non concedeu, e un remate de Manu Vila nun córner.


Por parte visitante, a ocasión máis clara foi no 42' nun centro lateral de Matelo que se paseou por toda a área sen atopar rematador.


A segunda parte comezou con pouco ritmo, cun Taboada que non quería expoñerse en exceso e cunha Pontenova que estaba cómoda co 2-1 agardando a súa oportunidade. No 57' entrou Ratón para fortalecer o medio do campo.


No 58' Nico puido poñer o 3-1 pero atopouse cun gran Carlos, que enviou a córner. A partir do 60' a Pontenova estirouse e tivo a súa primeira gran oportunidade nunha internada pola esquerda que sacou ben Seso. No 66' o disparo de Matelo foise desviado por nada. Nós fiabamos todo a rápidas contras pero sen crear excesivo perigo para a meta visitante. No 78' o disparo de Charlie foise desviado. A Pontenova comezou a crer na machada e estirouse e a nós entráronnos os nervios, e recuamos, con medo a que se nos escapasen tres puntos que se puxeran moi de cara.


O máis salientable do treito final foi un achegamento perigoso de Matelo, que Nico logrou conxurar. Un último susto que finalmente non tivo consecuencias. O desconto de 5 minutos fíxose longo pero resistimos os embates visitantes e sumamos tres puntos que nos permiten saír da xeira negativa de só sumar 1 punto dos últimos 9.


Para a semana repetimos como locais, probablemente en Antas de Ulla, ante o Riotorto.
 

TABOADA CF 1-UD PASTORICENSE 1
Roi el 04-11-2018, 21:16 (UTC)
 
O Taboada deixóu escapar os primeiros 2 puntos da tempada actuando como local, esta vez no campo da Raña de Rodeiro, ante un Pastoricense que se adiantou mediada a primeira parte e cun fútbol ramplón souberon aguantar e leváronse un punto a todas luces inxusto vendo os merecementos duns e doutros.



O partido comezou baixo un forte aguaceiro, e con vento en contra para nós, circunstancia que facilitaba o xogo directo dos visitantes. Nestes primeiros intres buscamos impoñer a nosa proposta de ter a pelota, pero o conxunto visitante dificultábanos o noso xogo con balóns longuisimos tras roubo que buscaban aos seus dianteiros.


As primeiras ocasións reseñables foron nosas, no 9' o tiro de Fabio vaise arriba e no 11' o chut de Guerreiro non colle portería. Seguimos insistindo e Gabriel probou fortuna desde lexos, pero o seu disparo petou na poboadisima defensa visitante. E o que son as cousas, no primeiro achegamento claro do Pastoricense adiantáronse no marcador; pérdida nosa en banda e rápida contra dos visitantes, balón á espalda da nosa liña defensiva e Iván bate a Roi na súa saída.


Este gol fíxonos dano pero seguimos procurando o camiño do gol, no 21' gran centro de Fabio que non atopa rematador. No 27' disparo de Nico á saída dun corner, o rexeite non o pescou Ibán por nada. No 35' a máis clara da primeira parte, gran xogada de David Montes por banda, o seu centro raso chegou a pés de Seso, que disparou arriba en posición franca.


Da Pastoriza en ataque non houbo noticias ata o 42, nunha contra conducida por Raúl que rematou el mesmo cun disparo coa zurda que despexou Roi. Así chegamos ao descanso, sen facer uns primeiros 45 minutos peores que o rival iamos por debaixo no marcador.





A segunda parte comezamos apretando arriba, buscando neutralizar a mínima ventaxa dos visitantes o máis pronto posible. Sen embargo, ese exceso de precipitación non nos beneficiou moito e o Pastoricense viviu relativamente cómodo en defensa.


A partir do 65' comezamos a xogar mellor e empezaron a chegar as ocasións, chegando a coleccionar 7-8 claras ata o final do encontro. No 66' remate de cabeza de Guerreiro que se vai lambendo o poste, no 67' outro bon tiro de Guerra que sae centrado, atrapa non sen problemas Casillas. No 70' remate desviado de Seso nun córner.


O partido converterase xa nun auténtico monólogo taboadense, coa Pastoriza achicando balóns como boamente podían. No 78' obtivemos o premio que tanto mereciamos, David Potente vaise por forza e ante a saída de Casillas pícalla por riba de xeito maxistral. 1-1 con 12 minutos máis desconto por diante, o Taboada lanzouse a polos tres puntos ante un conxunto visitante que se centrou en defender a ultranza o seu botín. Xa no 80' gran tiro de David Potente ao coller o rexeite dun saque de esquina, boa intervención de Casillas.


Nestes intres sacamos 3 ou 4 corners que os defensores pastoricenses souberon neutralizar. No 87' probou fortuna Montes desde media distancia, seguro atrapaba Casillas. No 89' puido poñer o 1-2 o Pastoricense pero o gran disparo de Raúl foise un chisco arriba.


Seguimos queimando as naves na procura do 2-1, cunha fe inquebrantable, e a piques estivemos de logralo. No 91' gran centro de David Potente que remata Guerreiro, o balón estrélase no pau, o posterior rexeite caeulle a Fabio que disparou a porta e o balón sacouno en liña de gol Iago Ares. Incrible que non entrara esa pelota. Seguimos insistindo na busca dos tres puntos, e na última do partido un disparo de Montes que levaba perigo foi desviado a córner por un defensa visitante. Lanzámonos ao ataque conscientes de que era a última, pero o colexiado inexplicablemente decretou o final do partido sen deixar sacar o saque de esquina. Protestamos moito esta acción por considerar que engadira moi pouco tempo, pero de nada serviu.


En fin, un punto máis que quizais saiba a pouco polo moito que expuxo o equipo e polas ganas polas que pelexou pola victoria, pero tamén é destacable que fomos quenes de salvar un punto ante un equipo moi difícil cando se adianta. Toca seguir, levantarse, adestrar e preparar o partido que nos enfrontará a semana que vén a domicilio ante o Chantada Atlético.


 

<- Volver  1  2  3  4  5  6  7  8 ... 27Siguiente -> 
contador de visitas para blogger
Este sitio web fue creado de forma gratuita con PaginaWebGratis.es. ¿Quieres también tu sitio web propio?
Registrarse gratis