| Quinto partido como locatarios no Castro Seoane de Antas de Ulla e quinto empate. Desta vez foi no derbi diante dos veciños da SD Chantada, nun vibrante encontro moi condicionado polas dimensións do terreo de xogo. Demostramos, unha vez máis, que competimos en todo momento e ante calquera rival, e que somos quen de sobrepoñernos a situacións adversas.
Comezou o partido igualado, cos dous equipos tanteándose e sen nada que resaltar nos primeiros minutos. Sen embargo, no 8' e nunha xogada sen perigo ningún produciuse unha falta de entendemento entre Roi e David Montes que rematou con gol en propia porta. Un auténtico mazazo para nós, que non estabamos a ser peores, e máis que nada pola forma tan absurda do gol, xa que non había ningún xogador vermello preto que puidese dificultar a acción. O gol fíxonos dano anímicamente e botamos uns minutos mercede da SD, que no 12' probou fortuna con Anxo nun tiro desde fóra de área fácil para Roi. A partir do 15' parece que nós quixemos repoñer e empezamos a chegar con bastante asiduidade á meta de Porto, no 20' Fabio estivo a piques de anotar un bo gol de vaselina pero foiselle por pouco, no 22' tiro desde a frontal de Ratón que se foi a pouco do pau esquerdo de Porto e no 24' non chegou a un remate de cabeza tras gran servizo de Seso.
Buscabamos nesta fase do partido o gol insistentemente, e no 38' gran acción de Noé por banda dereita que remata cun mal golpeo. Puido, sen embargo, a SD poñer terra de por medio no 43' cun disparo de Manu desde a frontal que se foi desviado por pouco. Chegamos así ao tempo de lecer, sen mais que reseñar agás a desafortunada acción que supuxo a lesión muscular de Migui, que tivo que ser substituído inmediatamente por Moski.
Os segundos 45 minutos comezaron cunha clara triple ocasión nosa, con balón ao longueiro incluído de Juan Potente que rematou en fóra de xogo. A pesares deste ímpetu inicial, parecía que nos costaba máis trenzar xogadas de perigo, tamén dificultados polos fortes refachos de aire que sopraban na nosa contra. No 56' ocasión clarísima de Foci, o seu tiro raso e cruzado foise lambendo o pau dereito da meta de Roi. Con media hora po diante, arrincamos máis, buscando o empate de maneira insistente aínda que quizais con máis corazón que cabeza. Onde máis perigo xeramos foi a balón parado, por exemplo no 66' unha falta desde a frontal botada por Dieguiño obrigou a traballar a Porto, que enviou a córner. Entrou o partido nun impás de moita desputa, xogo directo e de choque que non deixaba lugar a ocasións nin a nada reseñable. Precisamente foi así, nunha xogada embarullada e con varios rexeites, como chegou o gol de empate que facía xustiza ao visto sobre o terreo de xogo; balón parado que despexa en primeira instancia Porto, o rexeite cáelle a Ibán que estrela o balón no longueiro e o posterior rechace caeulle nos pés a Manu Vila, que non se andivo con contemplacións e fusilou a meta chantadina. Segundo gol da tempada para o noso central, que se está destacando como un bo argumento ofensivo a balón parado.
De aquí ao final quixemos acadar o gol que confirmase a remontada, pero o certo é que non contamos con ocasións claras de gol para acadar o segundo tanto. É máis, foi a SD cun durísimo disparo de Manu que se foi arriba por pouco a que máis preto estivo de levarse o gato á auga. Ao final, reparto de puntos, a SD continúa nos postos de privilexio e nós seguimos sumando e ampliando a racha de invictos como locais, se ben é certo que xa choveu desde a nosa última vitoria xogando na "casa".
Destacable, unha vez máis, o gran ambiente nas gradas nun derbi que se está consolidando como un dos grandes partidos da categoría. Cada un tirando polo seu e polos seus, pero cunha deportividade e emotividade fóra de toda dúbida. Así é, desde logo, como debe ser. Para a semana que vén continuamos con outro derbi, desta vez ante o Monterroso en Cerdeiriños, nun partido que pode marcar o futuro inmediato dos dous contendentes. | | |
|